A música galega volve ser protagonista coa apertura da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música. Desde o 2 ata o 22 de marzo, artistas e bandas poderán presentar as súas candidaturas a estes galardóns que celebran a diversidade e riqueza do panorama musical de Galicia. A gala de entrega de premios terá lugar o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, consolidando un ano máis a importancia destes premios como plataforma de impulso para a creatividade musical galega.
Presentación oficial en Santiago de Compostela
A Sala Riquela de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación oficial da XIII edición, contando coa presenza de representantes de Músicas ao Vivo, Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Bodegas Martín Códax.
Durante o acto, Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e Xavi Castro, vicepresidente, destacaron a relevancia dos premios para visibilizar a música galega e animaron a artistas e bandas a inscribirse.
Pablo Buján, director comercial da adega, subliñou a nosa aposta pola cultura e o apoio á música galega. Eva Villaverde, tenenta alcalde do Concello de Pontevedra, e Jorge Cubela, deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, coincidiron en resaltar a importancia da colaboración institucional para potenciar o sector musical. Jacobo Sutil, director de AGADIC, puxo en valor a participación do público nas votacións como forma de dar visibilidade aos profesionais que fan música en Galicia.
Diversidade e profesionalización do sector
A XIII edición contará cun total de 15 categorías musicais que abranguen estilos tan diversos como pop e indie; rock e punk; blues, funk e soul; metal e heavy; canción de autor/a; músicas urbanas; músicas do mundo e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional; música folk; música infantil; orquestras, grupos e músicas de verbena; e bandas de música popular.
Ademais, mantense a categoría extraordinaria Artista Emerxente, centrada en novos proxectos con menos de tres anos de traxectoria e un máximo dun disco editado. Os Premios Organistrum recoñecerán a labor de salas, festivais e proxectos de comunicación musical, e outorgarase un Premio Honorífico Músicas ao Vivo a unha traxectoria destacada na música galega.
En total, darase a coñecer a 48 finalistas e a 20 galardóns na gala final, promovendo a profesionalización e a visibilidade do sector.
Calendario da XIII edición
O calendario desta edición marcará a primavera musical galega:
- Inscricións: do 2 ao 22 de marzo en premiosmartincodaxdamusica.gal
- Votación do xurado (1ª fase): do 30 de marzo ao 24 de abril
- Festa de Finalistas: 6 de maio en Bodegas Martín Códax
- Votación de socios/as e público (2ª fase): do 7 ao 24 de maio
- Gala final: 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra
O sistema de votación mantén dúas fases: unha primeira profesional a cargo dun xurado experto e unha segunda fase aberta ao público e aos socios de Músicas ao Vivo, con un 50% de ponderación para cada parte.
Unha homenaxe ao patrimonio inmaterial galego
Coincidindo co número 13, esta edición renderá homenaxe ao patrimonio inmaterial ligado ás lendas e ao paganismo que forman parte da cultura galega. A gala será transmitida na plataforma agalega.gal e no canal de YouTube de Músicas ao Vivo, permitindo que o público siga de cerca a celebración.
Os Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo coa colaboración de Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, continúan sendo unha referencia para o sector, impulsando a creatividade, a profesionalización e a internacionalización da música galega.
¡Arranca a XIII edición e a música galega volve brillar!



