Martín Códax Lías elixido pola Asociación de Periodistas e Escritores do Viño como o mellor viño de España

15 de Xaneiro de 2020

A cooperativa recibirá pola colleita 2016 de Martín Códax Lías o Gran Premio FIJEV e o de mellor viño sen barrica de España por cuarta vez. Xunto con esta suman xa seis premios consecutivos aos seus albariños.

A cooperativa recibirá pola colleita 2016 de Martín Códax Lías o Gran Premio FIJEV e o de mellor viño sen barrica de España por cuarta vez. Xunto con esta suman xa seis premios consecutivos aos seus albariños.

Martín Códax Lías premio final_BAJA

Bodegas Martín Códax celebra que Martín Códax Lías foi o viño máis votado de entre 1.118 marcas propostas pola Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV) no seu certame os Mellores Viños e Espirituosos de España 2019. O albariño da adega cambadesa recibiu un total de 196 puntos, polo cal se lle outorgará o Gran Premio da Federación Internacional de Periodistas e Escritores do Viño e Espirituosos (FIJEV), ademais do premio a mellor viño branco sen barrica de España.

É a cuarta vez que este albariño é premiado: a anada 2015 recibiu o galardón en 2017 e en 2018; e a anada 2011 no ano 2014. E suman seis os anos consecutivos en que os albariños de Bodegas Martín Códax son galardoados pola AEPEV como “mellor viño branco sen barrica”. En 2015, foi a súa principal marca, Martín Códax, coa anada 2014. E no 2016, Martín Códax Vindel foi o viño elixido.

Os premios desta décimo primeira edición entregaranse durante a próxima primavera nunha gala que se celebrará en Almería. Ao acto acudirán tanto as autoridades da Xunta de Andalucía e da capital almeriense como un nutrido grupo de xornalistas da AEPEV coa súa xunta directiva á fronte e da FIJEV, á que pertence esta asociación.

MARTINCODAXOUTONO-16

O mellor exemplo da evolución do albariño por si mesmo

Para a directora de Enoloxía de Bodegas Martín Códax, Lías é o mellor exemplo da evolución do albariño por si mesmo. “Ata hai poucos anos pensábase no albariño como unha variedade para elaborar tan só viños novos e frescos. Un dos obxectivos deste viño, cando naceu en 2005, era demostrar a capacidade de envellecemento do albariño por si mesmo, e para iso decidimos usar algo intrínseco ao viño: as súas propias lías”.

A uva coa que se elabora Martín Códax Lías é especial, provén dunha parcela propia do viñedo de investigación e desenvolvemento da adega, en Pé Redondo. “Seleccionamos unha parcela en “espaldera” cun tratamento diferencial, buscando un menor rendemento e un esfollado cedo, para que o acio de uva reciba máis exposición solar. Deste xeito, somos capaces de diminuír a concentración de ácido málico da uva e de conseguir aromas máis maduros e complexos. Ademais, a uva exposta ao sol xera peles máis grosas, o que lle dá máis estrutura na elaboración”, explica Katia Álvarez.

 

Martín Códax Lías premio final1

Para extraer todo o potencial da uva esta arrefríase 48 horas e faise un prensado lixeiro do 50%, para traballar cun mosto de moita concentración. Unha vez acabada a fermentación alcohólica, revólvese o viño conservando unicamente as súas lías finas. Neste momento é cando empeza o traballo de removido das mesmas, durante 6-7 meses. Ao comezo con máis intensidade e baixando a mesma a medida que o viño evoluciona. Pasado o tempo de removido o viño déixase repousar en depósitos de inox. para que se equilibren os aromas da crianza sobre lías e os propios do varietal. “Ao remover as lías favorécese a súa ruptura, co que as sustancias que están dentro das células pasan ao viño. Son compoñentes que melloran a sensación graxa do viño, mellorando, á súa vez, o volume en boca do viño, a súa amplitude e redondez, calidades polas que Martín Códax Lías é tan valorado. Aromáticamente é máis complexo, ademais das notas cítricas e de froitas do albariño, en Lías está presente unha nota láctica e cremosa que lle achega complexidade e elegancia”.

Álvarez subliña a lonxevidade e capacidade de evolución deste viño: “unha vez embotellado permanece 6 meses de crianza en botella, antes de saír ao mercado, e ten un gran potencial para seguir crecendo e evolucionando na botella, alcanzando unha maior complexidade. Esta evolución en botella presuponse no caso de viños tintos crianzas e grandes reservas, pero no caso de viños brancos non se tivo presente como elemento diferencial”.

Eloxiado pola crítica

Desde o seu nacemento, este albariño de Martín Códax foi condecorado pola crítica, recibindo os máximos galardóns e puntuacións por riba de 90 puntos por parte dos profesionais do sector, guías e concursos máis importantes de Galicia e España, así como internacionais, entre eles a Guía de Viños e Destilados de Galicia, o Certame Internacional de Viños Brancos Galegos, as guías Peñín, Wine Up, Proensa, os concursos CINVE, Akatavinos, Women’s Wine & Spirits Awards; así como as guías dos medios máis relevantes a nivel nacional e outras entidades especializadas, como a Guía ABC, Guía do Viño da Semana Vitivinícola, Vivir el Vino, a Asociación Española de Periodistas e Escritores do Viño e a Federación Internacional de Periodistas e Escritores do Viño e Espirituosos.

Aepev

Sobre a AEPEV

A Asociación Española de Periodistas e Escritores do Viño (AEPEV) é unha sociedade sen ánimo de lucro que abarca territorialmente a totalidade de España. Constituída por profesionais que exercen a comunicación do viño e a súa contorna, o seu obxectivo principal é defender o viño como bebida saudable e a imaxe do sector nos medios de comunicación e ante a opinión pública en xeral, así como representar ao colectivo que o forma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Comentaristas principais en Bodegas Martín Códax
  • codax
    40 comentarios
  • Manuel Ferreiro
    2 comentarios
  • Multihomespain
    2 comentarios
  • Sole
    2 comentarios
  • Alejandro Martínez
    1 comentario
  • alicia bará
    1 comentario