O vindeiro 12 de agosto, As Tardes do Atlántico vivirá unha das súas citas máis especiais. A terraza de Bodegas Martín Códax será o escenario dunha experiencia na que gastronomía, viño, música e paisaxe se unirán para gozar dun acontecemento único: a eclipse solar.
Aínda que a eclipse poderá contemplarse desde distintos puntos de Galicia, a terraza da adega ofrece un marco excepcional para vivir este momento, con unhas vistas privilexiadas sobre a ría de Arousa. Unha oportunidade para deterse, erguer a vista ao ceo e gozar do espectáculo que ofrece a natureza nun contorno incomparable.
Para esta ocasión, a proposta gastronómica correrá a cargo de Mar Lago e Álex Martínez, chefs de BaceLo (Ferrol), un restaurante que se consolidou como unha das propostas máis interesantes da gastronomía galega actual grazas a unha cociña que combina tradición, produto e creatividade.

A súa maneira de entender a cociña parte do respecto pola despensa galega e polo produto de tempada, incorporando unha mirada contemporánea que pon en valor cada ingrediente sen perder a súa esencia. Unha filosofía que encaixa á perfección co espírito de As Tardes do Atlántico, un ciclo que busca crear experiencias nas que o territorio, o viño e a gastronomía dialogan de maneira natural.
A velada comezará cunha benvida na terraza, onde as persoas asistentes serán recibidas cunha copa de Martín Códax Espumoso 85 acompañada de dous petiscos. A continuación, BaceLo servirá un menú especial de tres pratos, concibido para gozar dunha cea completa e maridado cunha selección de viños de Martín Códax.
No momento da eclipse, a experiencia fará unha pausa para que as persoas asistentes poidan contemplar o fenómeno desde a terraza con lentes homologadas, mentres a música en directo dun saxofonista pon a banda sonora a esta velada tan especial.
As entradas sairán á venda o vindeiro 6 de agosto ás 12:00 horas a través de Ticketrona. As prazas serán limitadas, mantendo o formato íntimo que caracteriza As Tardes do Atlántico e que converte cada cita nunha experiencia única.


