
Damos comezo a unha nova tempada de enoturismo con propostas que invitan a descubrir o albariño desde distintas perspectivas. Este ano ampliamos a nosa programación con novas experiencias exclusivas e a próxima reapertura de Pé Redondo, o noso centro de investigación vitícola no corazón do Val do Salnés.
Entre as principais novidades desta tempada presentamos Mar de fondo, unha experiencia exclusiva pensada para quen busca unha aproximación máis pausada e singular ao viño. Nela propoñemos unha selección especial de referencias da nosa adega acompañadas dunha coidada proposta gastronómica, todo iso nunha contorna privilexiada que invita a desfrutar do viño con calma e profundidade.
Xunto a esta nova proposta, seguimos ofrecendo as nosas experiencias máis consolidadas. Orixe é a nosa visita esencial, coa que invitamos a descubrir a orixe de Adegas Martín Códax, a nosa filosofía cooperativa e o proceso de elaboración dos nosos viños. A experiencia finaliza cunha cata comentada acompañada de queixos galegos.
Tamén continúa Ondas do mar, unha proposta que conecta os nosos viños coa gastronomía atlántica a través dunha harmonía de viños e conservas gourmet de proximidade. E para quen desexa penetrarse en elaboracións máis exclusivas, Creacións únicas ofrece a oportunidade de descubrir viños de produción limitada e proxectos enolóxicos diferenciais que reflicten o noso lado máis experimental.
A todas estas experiencias súmanse as nosas catas en terraza con vistas á Ría de Arousa e a nosa Barra Atlántica, onde é posible desfrutar dos nosos viños nun ambiente relaxado e distendido sen necesidade de reserva previa.
En abril reabrimos Pé Redondo
A nosa oferta enoturística ampliarase ademais a partir do 1 de abril coa reapertura de Pé Redondo, o noso centro enoturístico de investigación vitícola situado no corazón do Val do Salnés. Trátase dun espazo singular onde investigación, sustentabilidade e divulgación conviven ao redor do mundo do viñedo.
A través de visitas guiadas, quen nos visite poderán percorrer este singular viñedo e coñecer de primeira man algúns dos proxectos nos que traballamos, como o desenvolvemento de variedades resistentes, a adaptación ao cambio climático ou novas formas de cultivo.
A experiencia complétase cunha cata de viños nunha contorna natural privilexiada. Pé Redondo permite achegarse ao traballo de investigación que desenvolvemos desde hai máis de dúas décadas neste viñedo experimental e completa a nosa proposta enoturística ofrecendo unha visión máis ampla do viño: desde a súa orixe no viñedo e a súa elaboración en adega ata os proxectos de innovación que marcarán o futuro da viticultura atlántica.
Co inicio desta nova tempada queremos seguir consolidándonos como un referente do enoturismo en Rías Baixas e en Galicia, apostando por experiencias que conectan viño, paisaxe, cultura e innovación.
Para máis información e reservas visita a nosa web: https://tienda.martincodax.com/.



