
O escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra converteuse no palco dunha festa popular. A actriz e guionista Carmen Conde, de Tarabela Creativa, asumiu a dirección artística da gala cun relato cheo de espectáculo sobre a historia e a relevancia das verbenas no noso país. A electrocharanga orixinaria de Negreira, a Mekanika Rolling Band, foi un elemento fundamental no desenvolvemento da gala cos seus sete músicos.

A partir das nove da noite comezaron a desvelarse os proxectos premiados nos Premios Martín Códax 2022: Airiños da Freba, na categoría Música Tradicional (ausentes na gala xa que estaban actuando nas festas de San Froilán en Lugo), Sheila Patricia, en Músicas do Mundo e Mestizaxe, a Banda Unión Musical de Meaño, en Bandas de Música Popular, e Os d’Abaixo, en Folk, foron dos primeiros da noite. Seguiron subindo ao escenario do Pazo da Cultura a polo seu galardón, Grande Amore, en Electrónica, Xosé Miguélez 4tet, en Jazz e Músicas Improvisdas, Familia Caamagno, en Rock, e Grima, na categoría de Metal. Nastasia Zürcher foi a artista premiada en Blues, Funk e Soul, Sofía Espiñeira, en Canción de Autor/a, Mamá Cabra, en Infantil e Rebeliom do Inframundo, en Músicas Urbanas. As últimas categorías que desvelaron premio na gala foron Orquestras, Grupos e Música de Verbena, para América de Vigo, Pop e Indie, para Néboa, e Música Clásica Contemporánea para Samudra Trío.

Os Premios Organistrum recuperaron nesta 9º edición o seu procedemento habitual tras a pandemia; os tres galardóns entraron tamén no proceso de inscrición xeral. No caso de Comunicación e Difusión, o proxecto premiado foi Descúbreas, o programa impulsado pola Deputación de Pontevedra para dar a coñecer ás mulleres profesionais do sector da música que entregou a presidenta da institución, Carmela Silva ás xestoras do mesmo; en Salas o galardón foi para o local de Vilar de Santos, A Arca da Noe, e na categoría de festivais, subiu a recoller o correspondente galardón o xa histórico Festival de Ortigueira.

A ovación da noite foi, como era de agardar, para Fuxan os Ventos, Premio Honorífico 2022, que recolleron das mans de Xoan Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax. O grupo levantou o públlico para cantar ao unísono Sementar Sementarei. O seu maior éxito discográfico foi “Sementeira”, publicado en 1979; son anos de centos de actuacións, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo participando en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient en 1978 e 1979. Especial foi o seu regreso aos escenarios en 2008 coa xira “Terra de soños”, que daría lugar a un novo disco publicado ao ano seguinte.


